Estimadas familias
Informámosvos de que por parte do Concello reábrese o Espazo municipal das Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero, situado no Centro Cívico da Cidade Vella.
Ampliáronse tanto os servizos a ofrecer como o horario de atención, atención que ademais de seguir sendo personalizada contará cunha asesoría xurídica e psicolóxica.
Atoparedes unha nova oferta de formación na diversidade tanto a familiares de persoas LGTBQI como á comunidade educativa (ANPAS, profesorado) así como a profesionais que pola súa área de traballo estean relacionados co apoio á diversidade sexual e de xénero. Contan con novas actividades socioeducativas grupais inclusivas para todas as persoas gais, lesbianas , bisexuais, transexuais, de xénero fluído, intersexuais, as súas familias e as entidades da cidade.
Ademais crearanse grupos de apoio mutuo específicos dirixidos a familiares LGTBQI, a persoas trans, e un grupo interxeneracional para fomentar a autoaxuda, o empoderamento e o intercambio mutuo de experiencias que enriquezan a vida das persoas.
Destacarase tamén a memoria activista LGTBQI da cidade a través de faladoiros–debate cuxo obxectivo principal é dar a coñecer ás novas xeracións, as propostas activistas de diferentes colectivos ao longo da historia recente da cidade, creando sinerxias entre a poboación participante e o propio Espazo Diverso.
Nesta nova etapa quérese que o Espazo Diverso convértase nun espazo próximo, inclusivo e acolledor no que atopar información actualizada sobre dereitos, recursos ou a axenda de actividades, un lugar no que compartir experiencias e onde se sintan recollidas as inquedanzas das entidades e das persoas pertencentes ó colectivo LGTBQI, un espazo construído coa colaboración de tódolos axentes implicados.
Por todo iso, convídase a que vos pasedes o este luns 21 de outubro ás 17:30 polo Espazo Diverso no Centro Cívico da Cidade Vella para compartir entre todas e todos a reapertura e o comezo desta nova etapa coa proxección do documental “Vida e morte de Marsha P. Jhonson” e un posterior debate.
Centro Cívico Cidade Vella
Rúa Veeduría, 2
15001 A Coruña
Tlf: 981 189 889
mailto:espazodiverso@coruna.es
https://www.coruna.gal/igualdade/gl/servizos/espazo-diverso
Un saúdo
A Xunta Directiva